CULTURA | A MAXIA DA CULTURA
07 Aug 2023

CULTURA | A MAXIA DA CULTURA

07 Aug 2023 - 24 Aug 2023
Eventos
-
Concello de Corcubión

Estamos acostumados a identificar a cultura, con maior ou menor conciencia, como parte da nosa identidade, da nosa tradición, da nosa historia e do noso patrimonio. Entendémola como algo que comezou nun tempo pasado, que nos arodea no noso día a día e que esperamos permaneza no futuro. Sen dúbida a cultura é unha compañeira que debemos preservar e coidar aínda que moitas veces a deamos por suposta.
Polo xeral, cóstanos máis ollar a cultura baixo outro tipo de lóxica, se cadra como unha aliada que faga imaxinármonos futuros, ou que nos abra a camiños inexplorados, que poida transformar o presente ou incluso cambiar o noso entendemento do pasado. É neste outro sentido que poderíamos dicir que é máis especulativo e sensible que a área de cultura do Concello de Corcubión quere abrir unha nova forma de relación coa cultura que comezaremos chamando “A maxia da cultura”, xustamente apelando a alquimia que pode activarse desde ela.

Durante este mes de agosto e como inicio desta nova ollada cultural, contaremos con dúas presentacións moi especiais coas que ademais queremos comezar percorrer algunhas das ideas do programa xeral do novo goberno na vila.


“A rapa das zarzas: o noso xardin”
Xoves 10 de agosto na Capela do Pilar ás 20h.
A través dunha presentación do arquitecto Arturo Franco indagaremos no reto de intervir e transformar os espazos urbanos poñendo no centro a beleza e a natureza. O obxectivo será inspirármonos colectivamente a través dunha selección de ideas e proxectos que compartirá cos asistentes.

Arturo centrarase no descubrimento dos espazos nun entorno rural. Incidirá na relación entre o interior e o exterior, entre o monte silvestre e a casa, entre o xardín e os seus límites. Traendo unha serie de exemplos que transitan por distintos lugares do mundo e ao longo de distintos momentos da historia, falará desde o seu particular punto de vista acerca dunha maneira de habitar pouco convencional. Estes pensamentos pretenden establecer unha ponte entre aqueles lugares que nos mostra e a realidade de Corcubión, entre outros momentos da historia e a actualidade.

Arturo Franco, nado na Coruña, é doutor arquitecto, editor e profesor de proxectos da Escola Técnica Superior de arquitectura de Madrid. As súas obras foron recoñecidas nos máis prestixiosos premios internacionais e impartiu charlas e seminarios sobre a súa obra e investigacións en máis de 20 países

O horizonte dos mapas
Xoves 24 de agosto na Capela do Pilar ás 20h
A través dunha presentación do pensador Pablo Jarauta, experto en mapas e utopía, indagaremos sobre as formas de compartir a nosa relación e os nosos vínculos coa vila de Corcubión.
Pablo reflexionará sobre a natureza dos mapas a partir de varios exemplos da historia da cartografía, inscribindoos no mundo global e complexo no que habitamos e convidándonos a pór en funcionamento as seguintes cuestións: ¿qué son os mapas? ¿para que serven? ¿como se constrúen?... cuestións que terminan por revelar un horizonte máis amplo no que emerxen conceptos como a memoria, a paisaxe, a identidade, a comunidade e a relación co mundo.
Pablo Jarauta, nado en Murcia é Doutor en Filosofía pola Universidade de Murcia. Traballou nos campos da historia da cartografía, o pensamento utópico e a teoría e cultura do deseño, trazando as relacións entre vida, representación e o mundo do posible. Foi profesor no Romance Studies Department da Duke University e na Facultade de Filosofía da Universidade de Extremadura. Actualmente é profesor de Teoría e Cultura do Deseño no IED Madrid.