PRESENTACIÓN INAUGURACIÓN CONTOS DO MAR CORCUBIÓN
18 Dec 2024

PRESENTACIÓN INAUGURACIÓN CONTOS DO MAR CORCUBIÓN

21 Dec 2024 - 21 Dec 2024
Eventos
-
Concello de Corcubión

Este sábado 21 de decembro ás 17h terá lugar a inauguración do proxecto Contos do Mar de Corcubión, un proceso de traballo sobre memoria cultural participada pola veciñanza da vila que conclue cunha audioguía ficcionada a disposición para uso e desfrute da veciñanza e visitantes.

Este proxecto esta financiado polos Fondos Galp Costa Sostible dos que o Concello de Corcubión foi beneficiario na edición 2024. Contos do Mar de Corcubión da continuidade a estela marcada polo proxecto en outras localidades de Costa da Morte como foron anteriormente Fisterra, Carnota e Dumbría.

A xornada comezará no Cárcere Vello de Corcubión ás 17h onde o Alcalde Javier Domínguez Traba e a Xerente dos Fondos GALP Costa Sostible Manuela Oviedo farán unha presentación que enmarque a colaboración do proxecto. A continuación, o público asisente poderá desfrutar da estrea do paseo guiado que dura algo menos dunha hora. A continuación, ás 18.30h remataremos a xornada na Capela do Pilar cun pequeno coloquio sobre a experiencia a cargo de Maria Traveso de Promove e Xesús Ron de Chévere Teatro, ambos ao cargo da produción do proxecto. Estarán ademais acompañados polos participantes – informantes no desenvolvemento do proceso e pola Concelleira de Cultura Benestar Igualdade e Muller María Bella.


Contos do Mar daba comezo o pasado mes de marzo de 2024 a través da convocatoria duns obradoiros abertos á veciñanza maior de 65 anos nos que os seus participantes foron pouco a pouco converténdose en contadores de historias de vida coas que trazar relatos de recuperación de vivencias biográficas vencelladas á vila que quedarían finalmente rexistradas nunha secuencia de vídeos coas que compoñer historias do pobo e da vila que non estan necesariamente recollidas en documentos oficiais. Pódese acceder a todos eles desde a páxina WEB https://turismo.corcubion.gal/es/contos-do-mar


A partires destas xuntanzas foise tecendo tamén unha rede de informantes que foron apoiando con datos e recursos a investigación documental de Xesús Ron responsable do argumento e resolución formal da audioguía ficcionada que queda como obxecto de posta en valor da historia e memoria da vila.
A audioguía ficcionada componse duns auriculares que polas súas características técnicas crean unha atmósfera envolvente e íntima coa que ir percorrendo algunhas das partes da vila, no caso de Corcubión, acompañadas das voces dun narrador e narradora principais. Con estes apoios e o trazado argumental elaborado conséguese que o paseante se mergulle nunha sorte de ensoñamento real e imaxinario do Corcubión de Francisco Paco Porrúa novelado con guiños a Cien años de Soledad de Gabriel García Marquez, fiado ademais coa laboura de rescate das case totalmente esmorecidas -aínda que históricas e memorables- Parrandas de San Xoán. Así entre fitos históricos da vila, cruzando temporalidades, lugares entrañables e salientables, negocios, familias, casas e rúas lógrase tamén restituir a tradición dos festexos populares, cos cantos das coplas e as voces das mulleres que, como as Xaviñanas, marcaron con fermosura a memoria da vila

AVISO: É importante para facilitar a organización que quen vaia a acudir ao paseo reserve o seu xogo de auriculares chamando ou acudindo á Biblioteca Municipal de Corcubión.

Asemade, a audioguía quedará dispoñible para o préstamo durante o Nadal en horario de apertura da Biblioteca