IGUALDADE E MULLER | "VIVIR, NON SOBREVIVIR"
15 Nov 2023

IGUALDADE E MULLER | "VIVIR, NON SOBREVIVIR"

23 Nov 2023 - 24 Nov 2023
Información
-
Concello de Corcubión

Desde a Concellería de Cultura, Benestar, Igualdade e Muller, desde o lema “Vivir, non sobrevivir” damos comezo ás accións de carácter público que desenvolveremos no marco do día Internacional para a Eliminación da Violencia contra ás Mulleres.
O lema deste ano é común nos Concellos de Cee, Fisterra e Corcubión a proposta do CIM (Centro de Información á Muller) do que formamos parte. “Vivir, non sobrevivir” xurde do resultado das aportacións do alumnado e profesorado a través dunha convocatoria-concurso participada polos centros de ensino dos concellos.
En Corcubión, para “Vivir, non sobrevivir” no 25N, propoñémonos achegarnos á complexidade do problema da violencia contra as mulleres desde unha perspectiva ampliada e desde a conciencia de interdependencia. No programa de actividades tentaremos pasar do necesario sinalamento dos feitos de violencia á visibilización do que acontece ao seu redor. Concedérmonos este tempo de protesta e manifestos para reflexionar xuntas e xuntos sobre as estruturas profundas que preceden aos feitos de violencia contra as mulleres e poñer tamen atención nalgúns dos campos de afectación posteriores que quedan como restos.
Este ano, ademais de enmarcar as nosas accións dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio, formamos parte da rede de accións promovidas pola Área de Igualdade da Deputación da Coruña dentro da súa campaña #Defronte.

Programación


Xoves 23 de Novembro ás 10,00h. - IES Fernando Blanco
#DeFronte: Obradoiro Stop Motion co alumnado de 4º da ESO do IES Fernando Blanco.
Enfocado especialmente a abordar a complexidade das violencias sexuais en contextos nocturnos e de festa. Coa guía da psicóloga especializada en igualdade Paula Tubío no obradoiro traballarase a problemática e realizaranse micro vídeos en formato stop motion que sirvan para axudar a abordala e concienciármonos de xeito sinxelo e moi visual.

 

Xoves 23 de Novembro ás 18,30 – Capela do Pilar
Un sistema-mundo violento (I): sobrevivir na sombra
Proxección do Documental de Puta Mina (59’) e conversa con Belen Sola de LAAV
Actividade para todos os públicos
--
Puta Mina é un documental producido dende O Laboratorio de Antropoloxía Audiovisual e Experimental (LAVV) para que a voz dunha comunidade que careceu dela sexa escoitada. Cóntase a evolución da vida nas Concas Mineiras de Ciñera en León dende a voz de tres xeracións de mulleres que falan da maneira de vivir, sentir, pensar e actuar nos distintos anos transcorridos.
Mulleres de mineiros, mineiras elas, que sempre estiveron aí, na sombra, presentes pero non recoñecidas. Compañeiras de camiño e de vida, necesarias pero invisibles. Nais, irmás, esposas e fillas facendo racimo, veciñanza, tribo, familia. Creando un tecido de apoio mutuo, de unión ante as dificultades, facendo do pobo un fogar, un refuxio, cuxo sentimento de seguridade e pertenza aínda perdura nas xentes que viviron alí.

 

Venres 24 de Novembro ás 18,30 – Casa da Cultura
Un sistema-mundo violento (II): o apoio mutuo na deriva dos máis pequenos
Aprendizaxes e experiencias sobre acollemento. Presentación dos programas de acollemento desde Cruz Vermella en conversa coas experiencias en primeira persoa de familias acolledoras de menores
As crianzas son tamén vítimas invisibles da violencia de xénero e doméstica, moitas , orfas de mulleres asasinadas e algunhas, vítimas da violencia vicaria. Neste encontro de sensibilizacion
contaremos con Marta Pintos para compartir información sobre o Programa de Acollemento Familiar que xestiona a Organización Humanitaria Cruz Vermella e coas experiencias de familias que xa levan un tempo formando parte do programa como familias. Tentaremos visibilizar a importancia de contribuír a que todas as crianzas dispoñan de coidados, seguridade, educación, agarimos, e entender o poder das familias de acollida, para ofrecer as oportunidades de cambio na vida destes “menores á deriva”.

 

24 de Novembro – 14 a 15h – Estudo de Gravación do Concello
Manifesto exquisito
Convite para levar a cabo unha lectura e gravación colectiva de manifestos entre ás mulleres traballadoras do Concello de Corcubión. Posteriormente a peza será publicada o 25N nas redes sociais do Concello.