Herdeiros pola Forza
10 Apr 2013

Herdeiros pola Forza

12 Apr 2013 - 12 Apr 2013
Charlas
-
Universidade Cromática das Virtudes

Xurxo Ayán e Manuel Gago presentan o seu libro “Herdeiros pola forza” na capela do Pilar de Corcubión.

Día: quinta feira, 12 de abril.

Hora: 20:00

 

Como os carballos e os castiñeiros, o libro Herdeiros pola forza ten tres partes: a cerna, o sámago e a cortiza. A cerna é unha retranqueira crítica historiográfica dos modelos de xestión do patrimonio cultural que se sucederon desde o século XIX. O sámago é unha denuncia expresa da situación actual, na que unha elite de burócratas, técnicos, académicos e intelectuais marxina as comunidades locais e a cidadanía en xeral na xestión de bens patrimoniais públicos. Finalmente, a cortiza é unha alegación esperanzada a prol da participación activa da sociedade civil non só no goce do inmenso referente identitario que é o noso patrimonio cultural, senón tamén no proceso de construción social do coñecemento sobre o noso pasado. Porque parafraseando a Stéphane Hessel: "Herdar é preservar, preservar é resistir".

Xurxo Ayán (Lugo, 1976)

Arqueólogo que quere ser xornalista. Traballa no Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC en Compostela. Edita o blog Arqueoneixon e colabora co portal Lg3 do Consello da Cultura Galega, o Xornal Certo e mailo Galicia Confidencial.

Manuel Gago (Palmeira, Ribeira, 1976)

Xornalista que quere ser arqueólogo. Traballa como director de culturagalega.org e é profesor de ciberxornalismo na Facultade de C. da Comunicación en Santiago de Compostela.. O tempo que lle queda libre dedícallo ao blog Capítulo Cero.

 

Organiza: Universidade Cromática das Virtudes