CULTURA | PRESENTACIÓN DO LIBRO "OLA MIÑA BONITA"
O Concello de Corcubión desde a Concellería de Cultura, Benestar, Igualdade e Muller e como base dinamizadora da Biblioteca Municipal quere manter unha cita mensual co público lector a partir da presentación de libros de autores e autoras. A biblioteca ademais conta cun grupo de lectura aberto dinamizado pola súa bibliotecaria Isabel Soneira. Co grupo de lectura e as presentacións de libros que manteñan certa perioricidade quérese reforzar sinerxias coas que ensanchar o espazo e o tempo que adicamos á letura. Trátase de levar estas intencións a un pequeno programa estruturado que tomará nome e forma a principios do ano próximo. Polo momento se farán aproximacións con esa intención no horizonte.
Comezamos o próximo 6 de outubro coa presentación da obra “Ola miña bonita” do Fisterrá Roberto Traba Velay. Obra de ficción que se adentra no coñecido episodio da invasión dos franceses no 1809. En Ola miña bonita combinanse personaxes históricas con outras que non o foron, mais todas elas teñen a súa base na realidade. Roberto Traba di que este libro é unha peza retranqueira, refraneira e chea de fisterranía á que foi incorporando a linguaxe propia desta terra, as lendas, os refráns, espazos míticos tentando argallar unha viaxe pola comarca ao tempo que os guerrilleiros ían combatendo aos franceses.
O propio grupo de lectura da biblioteca esta xa lendo a novela de Roberto e poderá desfrutar dun relato e presentación pormenorizada desde a voz do seu creador, entrando se cadra na súa experiencia e proceso de escritura. As presentacións de libros da biblioteca son abertas a todo o público e son unha boa maneira, non só para achegarse aos autores, senon para coñecer o que se fai no grupo de lectura e mesmo entrar a formar parte nel.
Con esta presentacióa además lémbase o mes no que se celebra o día internacional das bibliotecas
A presentación terá lugar ás 19h na Casa da Cultura de Corcubión onde se situa a Biblioteca.
Roberto Traba Velai é taberneiro de profesión, poeta, articulista e coleccionista de pedras por vocación.